Listen

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) é o organismo que promove e preserva o bo funcionamento de todos os mercados, no interese dos consumidores e das empresas. 

É un organismo público con personalidade xurídica propia, independente do Goberno e sometido ao control parlamentario. Entrou en funcionamento o 7 de outubro de 2013.

Orixe

Aínda que a orixe da autoridade de competencia está no Tribunal de Defensa da Competencia (1964), a creación da Comisión Nacional da Competencia (CNC) foi en 2007.

A aparición de varios organismos reguladores debeuse á liberalización da industria de rede, á fin dos monopolios estatais e á necesidade de adaptarse á normativa europea.

Así, en 1995 creouse a Comisión do Sistema Eléctrico Nacional (antecesora da Comisión Nacional de Enerxía, ou CNE), e en 1996, a Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT). En 2003 creouse o Comité de Regulación Ferroviaria (CRF). En 2010 entraron en funcionamento o Consello Estatal de Medios Audiovisuais (CEMA) e a Comisión Nacional do Sector Postal (CNSP); e, en 2011, a Comisión de Regulación Económica Aeroportuaria (CREA).

En 2013 unificáronse os organismos reguladores e a autoridade de competencia para reforzar a súa independencia e garantir a seguridade xurídica e a confianza institucional. Xa que logo, integráronse os seis supervisores en funcionamento: a Comisión Nacional da Competencia, a Comisión Nacional de Enerxía, a Comisión do Mercado das Telecomunicacións, a Comisión Nacional do Sector Postal, o Consello Estatal de Medios Audiovisuais e o Comité de Regulación Ferroviaria e Aeroportuaria. 

Obxectivo

O noso principal obxectivo é garantir, preservar e promover o bo funcionamento, a transparencia e unha competencia efectiva en todos os mercados e sectores produtivos, así como garantir unha regulación eficiente en beneficio dos consumidores e das empresas.

A CNMC está sometida ao control parlamentario, condición que garante a súa independencia e reforza a seguridade xurídica das súas actuacións, que están recollidas nas resolucións aprobadas polo Consello.

Funcións

A CNMC promove e defende a competencia en todos os mercados, en beneficio dos consumidores e das empresas. Tamén supervisamos os seguintes sectores regulados: enerxía, telecomunicacións, comunicación audiovisual, transporte e postal.

Estrutura

Exercemos as nosas funcións a través de dous órganos de goberno: o Consello e o Presidente, que tamén é o presidente do Consello.

O Consello é o órgano colexiado de decisión. Está integrado por dez membros designados polo Goberno —a proposta do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa— entre persoas de recoñecido prestixio e competencia profesional no ámbito de actuación da CNMC.

A Comisión de Economía, Comercio e Transformación Dixital do Congreso dos Deputados debe aprobar o nomeamento. Para iso, examina a súa idoneidade e a posible existencia de conflitos de intereses. O mandato dos conselleiros da CNMC é de 6 anos non renovables e está sometido a un estrito réxime de incompatibilidades. 

O Consello pode actuar en Pleno ou en Sala. Todos os membros do Consello conforman o Pleno, que está presidido polo Presidente. En troques, repártense en dúas salas: unha dedicada a cuestións de competencia (Sala de Competencia) e outra á supervisión dos sectores regulados (Sala de Supervisión Regulatoria). 

Ademais, a CNMC conta con catro Direccións de instrución que dependen do Presidente: Competencia, Enerxía, Telecomunicacións e Sector Audiovisual, e Transporte e Sector Postal. A elas súmanse os Departamentos de Promoción da Competencia e de Control Interno.

Funcionamento

O noso funcionamento axústase á normativa da Unión Europea, especialmente na defensa da competencia e nos sectores da enerxía, as telecomunicacións, o audiovisual, os transportes e postal. Todos eles traballan para facilitar unha maior integración do Mercado Único da Unión. Ademais, colaboramos regular e periodicamente con outras autoridades de supervisión da Unión Europea e as axencias de cooperación dos reguladores europeos.

A Dirección de Competencia ten atribuídas as funcións de instrución recollidas na Lei de Defensa da Competencia. As catro Direccións da CNMC desenvolven as súas funcións de instrución con independencia do Consello e non reciben indicacións do Goberno.

 

Para que serven a competencia e a regulación eficiente?

Como consumidor, a competencia entre vendedores garánteche produtos e servizos máis variados, baratos e de mellor calidade.

Como empresario, garánteche a igualdade de oportunidades no mercado. Así, o éxito nos teus negocios dependerá da túa capacidade, esforzo e innovación, non dos obstáculos ou limitacións impostas por outros actores con maior poder de mercado ou que realicen condutas ilícitas.

Como cidadán, garánteche unha produción nacional máis competitiva, o bo funcionamento dos mercados e o cumprimento da normativa.

Como supervisamos os sectores regulados?

En determinados mercados, a aplicación da normativa de defensa da competencia é insuficiente para garantir a existencia dunha competencia efectiva.

Por iso, supervisamos algúns sectores regulados e resolvemos conflitos entre operadores: as comunicacións electrónicas e a comunicación audiovisual; os mercados da electricidade, de gas natural e de enerxías renovables; o sector postal, as taxas aeroportuarias e o sector ferroviario.

¿Que pode facer a CNMC para mellorar a competencia?

  • Investigar e sancionar prácticas anticompetitivas a partir de denuncias ou por iniciativa propia.
  • Ditar recomendacións para mellorar as condicións de competencia nos distintos mercados.
  • Autorizar as concentracións ou fusións empresariais e facer un seguimento destas.
  • Supervisar a conduta das empresas que operan en mercados regulados, tramitando e resolvendo, se for o caso, procedementos sancionadores por prácticas que infrinxan a regulación dos sectores económicos.
  • Asesorar o sector público con recomendacións non vinculantes antes de este aprobar as normas.
  • Fomentar os valores da competencia e da regulación eficiente.
  • Axudar a garantir a unidade de mercado, se for o caso, mediante a presentación dun recurso contencioso-administrativo especial en defensa desa unidade de mercado.
  • Supervisar a aplicación da normativa nos sectores enerxético, telecomunicacións, audiovisual, postal e transportes.
  • Vixiar o bo funcionamento e eliminar os atrancos no mercado interior a través da Lei de Unidade de Mercado.
  • Supervisar as propostas normativas feitas polos gobernos para que cumpran os principios de competencia e de regulación eficiente, con capacidade para impugnar normas con rango inferior á Lei.

Algunhas actuacións e prácticas contrarias á competencia

  • Varias empresas acordan non competir en prezos, fixando os mesmos prezos de compra ou venda de forma abusiva.
  • Unha empresa aplícalles a distintas empresas compradoras prezos ou outras condicións de compra desiguais para os mesmos bens ou servizos de maneira inxustificada, o que resulta en que algunha delas estea nunha situación de desvantaxe en comparación cos seus competidores.
  • Unha empresa obriga a un comprador a aceptar obrigas alleas á compra-venda, como non comprarlle a un competidor, comprar outro produto, etc.
  • Unha empresa establece de maneira inxustificada zonas de venda exclusivas para os seus distribuidores.
  • Unha ou varias empresas dificultan de maneira artificial a entrada de novos competidores no mercado.
  • Unha administración dita normas ou aproba resolucións que vulneran ou impiden a unidade do mercado.

Como se presenta unha denuncia?

Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, nacional ou estranxeira, pode presentar unha denuncia por prácticas contraria á competencia ou á normativa dos sectores regulados supervisados pola CNMC.

Faise por escrito e preséntase no rexistro da CNMC. Debe describir con precisión a ou as supostas condutas anticompetitivas ou contrarias á regulación sectorial que se coñecen, identificar os responsables e proporcionar as probas dispoñibles. 

Sede electrónica

Resultouche útil esta información?