Que é a CNMC?

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) é o organismo que promove e preserva o bo funcionamento de todos os mercados en interese dos consumidores e das empresas.

É un organismo público con personalidade xurídica propia. É independente do Goberno e está sometido ao control parlamentario. Entrou en funcionamento o 7 de outubro de 2013.

 

CONTIDOS

  • Cal é a súa orixe?
  • O seu obxectivo
  • Cales son as súas funcións?
  • Cal e a súa estrutura?
  • Cómo funciona?
  • Para qué serve a competencia e a regulación eficiente?
  • Cómo se efectúa a supervisión dos sectores regulados?
  • Qué pode facer a CNMC para mellorar a competencia?
  • Algunhas actuacións e prácticas contrarias á competencia
  • Cómo se presenta unha denuncia?

 

Acceso ao vídeo

Cal é súa orixe?

Aínda que a orixe da autoridade de competencia se pode situar no Tribunal de Defensa da Competencia (1964), a creación da Comisión Nacional da Competencia (CNC) tivo lugar, formalmente, en 2007.

A aparición dunha pluralidade de organismos reguladores obedeceu á liberalización da industria de rede, á fin dos monopolios estatais e á necesidade de adaptación á normativa europea.

Así, en 1995 creouse a Comisión do Sistema Eléctrico Nacional (predecesora da Comisión Nacional de Enerxía, ou CNE) e en 1996 a Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT). En 2003, creouse o Comité de Regulación Ferroviaria (CRF). En 2010, tivo lugar a creación do Consello Estatal de Medios Audiovisuais (CEMA) e a entrada en funcionamento da Comisión Nacional do Sector Postal (CNSP). En 2011, creouse a Comisión de Regulación Económica Aeroportuaria (CREA).

En 2013, aprobouse a unificación dos organismos reguladores e da autoridade de competencia, co fin de reforzar a súa independencia e de garantir a seguridade xurídica e a confianza institucional, adoptando unha visión integradora desde o punto de vista da regulación e da defensa da competencia para promover a modernización da economía en beneficio dos consumidores.

Deste xeito, integráronse os seis organismos supervisores que estaban en funcionamento naquel momento: a Comisión Nacional da Competencia, a Comisión Nacional de Enerxía, a Comisión do Mercado das Telecomunicacións, a Comisión Nacional do Sector Postal, o Consello Estatal de Medios Audiovisuais e o Comité de Regulación Ferroviaria e Aeroportuaria.

Antigas Comisións que forman a CNMC

Antiguas Comisiones que forman la CNMC

O seu obxectivo

O obxectivo principal da CNMC é garantir, preservar e promover o correcto funcionamento, a transparencia e a existencia dunha competencia efectiva en todos os mercados e sectores produtivos en beneficio dos consumidores e usuarios, así como velar por unha regulación eficiente.

A CNMC está sometida ao control parlamentario, o que garante a súa independencia e fortalece a seguridade xurídica das súas actuacións, que se recollen nas resolucións que aproba o seu Consello.

Cales son as súas funcións?

Principais funcións

Cal é súa estrutura?

A CNMC exerce as súas funcións a través de dous órganos de goberno, o Consello e o Presidente, que o é tamén do seu Consello.

O Consello é o órgano colexiado de decisión. Está integrado por dez membros nomeados polo Goberno, a proposta do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, entre persoas de recoñecido prestixio e competencia profesional no ámbito de actuación da Comisión. O seu nomeamento debe contar coa aprobación da Comisión de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Congreso dos Deputados, que examina a súa idoneidade e a eventual existencia de conflitos de interese. O seu mandato é de 6 anos non renovables e está sometido a un estrito réxime de incompatibilidades.

O Consello pode actuar en Pleno ou en Sala. Para tal fin, organízase en dúas salas: unha dedicada a temas de competencia, a Sala de Competencia, e outra á supervisión de sectores regulados, a Sala de Supervisión Reguladora. O Pleno está integrado por todos os membros do Consello e presídeo o Presidente.

Ademais, a CNMC ten catro direccións de instrución (Dirección de Competencia, Dirección de Enerxía, Dirección de Telecomunicacións e do Sector Audiovisual e Dirección de Transportes e do Sector Postal) que dependen do Presidente. Tales funcións complétanse cun Departamento de Promoción da Competencia e un Departamento de Control Interno, que controla os procedementos.

Cómo funciona?

O funcionamento da CNMC axústase á normativa da Unión Europea, especialmente nos seguintes sectores: enerxía, telecomunicacións, audiovisual, transportes, postal e defensa da competencia. Todos eles traballan para facilitar unha maior integración do Mercado Único da Unión. Para tal efecto, a Comisión colabora de forma regular e periódica con outras autoridades de supervisión da Unión Europea e coas axencias de cooperación dos reguladores europeos nas diversas materias da súa competencia.

A Dirección de Competencia ten atribuídas as funcións de instrución recollidas na Lei de defensa da competencia, que seguen exercéndose mantendo a coherencia e o carácter horizontal da normativa de defensa da competencia.

Tanto a Dirección de Competencia como as outras tres direccións de instrución (Dirección de Enerxía, Dirección de Telecomunicacións e do Sector Audiovisual e Dirección de Transportes e do Sector Postal) exercen as súas funcións de instrución con independencia do Consello e non poden recibir indicacións do Goberno, co fin de garantir a independencia da súa actuación.

Para qué serven a competencia e a regulación eficiente?

A vostede, como comprador e consumidor de artigos e servizos, a competencia entre os vendedores sérvelle para dispoñer de ofertas máis variadas, de mellor calidade e a menores prezos.

A vostede, como empresario, a libre competencia asegúralle a igualdade de oportunidades no mercado, de forma que o éxito nos seus negocios dependerá da súa capacidade, esforzo e innovación e non das obstrucións ou limitacións que lle impoñan outros actores con maior poder de mercado ou que realicen condutas ilícitas.

A vostede, como cidadán, a competencia sérvelle para que a produción nacional sexa máis competitiva no mundo e no seu propio país. A supervisión é, así mesmo, unha garantía de transparencia do bo funcionamento dos mercados e do cumprimento da lexislación vixente.

Cómo se efectúa a supervisión dos sectores regulados?

Xunto ás funcións de defensa da competencia que se lle atribúen integramente á CNMC, este organismo exerce funcións en determinados sectores e mercados regulados, onde a aplicación da normativa de defensa da competencia resulta insuficiente para garantir a existencia dunha competencia efectiva.

Estes sectores ou ámbitos son: as comunicacións electrónicas e a comunicación audiovisual; os mercados da electricidade, de gas natural e de enerxías renovables; o sector postal, as tarifas aeroportuarias e o sector ferroviario.

As funcións da CNMC sobre os citados sectores comprenden a supervisión e o control, así como amplas funcións de resolución de conflitos.

Qué pode facer a CNMC para mellorar a competencia?

  • Investigar e sancionar prácticas anticompetitivas a partir de denuncias ou por propia iniciativa.
  • Ditar recomendacións para mellorar as condicións de competencia nos distintos mercados.
  • Autorizar as concentracións ou fusións de empresas e facer o seu seguimento.
  • Supervisar a conduta das empresas que operan nos mercados regulados, tramitando e resolvendo procedementos sancionadores no caso de que se produzan prácticas contrarias á regulación dos sectores económicos.
  • Asesorar o sector público con recomendacións non obrigatorias antes de que este aprobe as normas.
  • Promover os valores da competencia e a regulación eficiente.
  • Contribuír á garantía da unidade de mercado, se é o caso, mediante a presentación dun recurso contencioso-administrativo especial en defensa da devandita unidade de mercado.
  • Supervisar a aplicación da normativa nos seguintes sectores: enerxía, telecomunicacións, audiovisual, postal e transportes.
  • Vixiar o bo funcionamento e eliminar as trabas no mercado interior a través da Lei de unidade de mercado.
  • Supervisar as propostas normativas que realizan os gobernos co fin de que cumpran os principios de competencia e de regulación eficiente, con capacidade para impugnar normas con rango inferior á lei.

Algunhas actuacións e prácticas contrarias á competencia

  • Varias empresas póñense de acordo en non competir en prezos e para iso fixan os mesmos prezos de compra ou venda de xeito abusivo.
  • Unha empresa aplica inxustificadamente a distintas empresas compradoras prezos ou outras condicións de compra desiguais para os mesmos bens ou servizos, o que pon algunhas delas en desvantaxe fronte ás súas competidoras.
  • Unha empresa obriga un comprador a aceptar obrigas que non teñen relación coa compravenda, como non lle comprar a un competidor, comprar outro produto etc.
  • Unha empresa establece de forma inxustificada zonas de venda exclusivas para os seus distribuidores.
  • Unha ou varias empresas obstaculizan de forma artificial a entrada no mercado de novos competidores.
  • Unha Administración dita normas ou aproba resolucións que vulneran ou impiden a unidade de mercado.

Cómo se presenta unha denuncia?

A denuncia por prácticas contrarias á competencia ou pola contravención da normativa á que se suxeitan os operadores dos mercados regulados suxeitos á supervisión da CNMC pode ser presentada por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, nacional ou estranxeira que teña coñecemento da transgresión das normas que vixía a CNMC.

Realízase por escrito e entrégase no rexistro da CNMC. Debe describirse de forma precisa a conduta ou condutas presuntamente anticompetitivas ou contrarias á regulación sectorial sobre as que se teña coñecemento, identificar as persoas responsables e achegar as probas de que se dispoña.